“Sócrates. - Valente, precisamente, creo chamaremos a cada individuo por esta segunda parte, cando o seu ánimo preserva, a través de praceres e penas, o prescrito pola razón en canto ó que hai que temer e ó que non.
Glaucón. - Correcto.
Sócrates. - E sabio (prudente) teráselle que chamar por aquela pequena parte que mandaba no seu interior prescribindo tales cousas, posuindo en sí mesma, a sua vez, o saber do que é proveitoso para cada unha e para a comunidade que integran as tres.
Glaucón. - De acordo.
Sócrates. - E moderado será por obra da amizade e concordia destas mesmas partes, cando o que manda e o que é mandado están de acordo en que a parte racional é a que debe mandar e non se rebelan contra ela.
Glaucón. - Eso e non outra cousa é a moderación tanto no que fai ó Estado como no tocante ó individuo.
Sócrates.- E engadin, será asimesmo xusto por cumprir co que tantas veces temos dito (scil. Que cada parte realice ben a sua propia tarefa).
Glaucón. – Necesariamente”.
Platón, A República, IV, 442 b - d.
1º PARTE:
1. IDEA E TEMA FUNDAMENTAL DO TEXTO (Breve introductoria). (Puntuación: 1 punto).
O presente texto pertence a Platón (427-347 a d.c) e en concreto ó seu dialogo A República, libro IV, párrafos 442 b - d. En boca de Sócrates, xa non protagonista principal nos diálogos das última etapas ( ó que pertence esta obra) e Glaucón, trata Platón de definila-xustiza como equilibrio e como virtude do individuo-cidadán e da polis ideal na que ten que proxectarse a mesma virtude referida na Antropoloxía. Nas teses platónicas a política e ética andan parexas e íntimamente vencelladas pola súa implicación mutua.
2. VIDA E CONXUNTO DA OBRA DO AUTOR (períodos, influencias, clasificación das obras, etc.) (Puntuación: 1 p).
Este diálogo pertence á terceira etapa da obra de Platón. Etapa chamada de Madurez, que abrangue dende o ano 385–370, e que se caracteriza porque nela Platón desarrolla os principais temas do seu pensamento completando así a liña iniciada na anterior etapa ou etapa de transición. Os temas principais desarrollados nesta terceira etapa son fundamentalmente a teoría das ideas, a teoría do coñecemento, e a doctrina da alma, todos dende a exposición dos mitos máis significativos (Mito ou simil da liña (Teoría do Coñecemento), Mito da Caverna, o mito de Er (teoría da reencarnación e como a alma deberá elexir o corpo no que debe encarnarse) e establecendo a correspondencia entre a orde individual, a orde moral, e a orde política. Pertencen a esta mesma terceira etapa ademais da República, os diálogos: O Banquete que aborda o tema do amor e a beleza, o Fedón sobre a teoría da alma e a súa característica a inmortalidade, e por último o Fedro onde Platón fai unha exposición sobre a natureza tripartita da alma. Polo que respecta á República, este diálogo consta dun total de 10 libros que abordan temas como a Xustiza, a organización do Estado e o coñecemento e grados como temas fundamentais, e que aparecen expostos ó longo do diálogo na seguinte orde: Sobre a xustiza (L.I), sobre o proxecto político de Platón (L. II ó IV), unha terceira L. V ó VII) sobre o Estado e o goberno do mesmo, o filósofo e a Educación, sobre os tipos de constitucións políticas (L. VIII - IX) e sobre o home xusto e as recompensas que debe recibir (L.X). A República, como as demais obras de Platón, ten a forma de diálogo, isto significa unha tensión entre razóns, as razóns ou propostas explicitadas por cada un dos interlocutores que aparecen en cada un dos libros. O diálogo é sempre un proceso permanente de búsqueda e investigación do logos (=razón), e esta razón aparece (no caso dos diálogos conclusos) sempre como resultado. Rexeitase así dende o diálogo e a dialéctica como ciencia do diálogo toda razón que veña predeterminada de inicio por ser dogmática.
A ciencia que investiga e desarrolla o diálogo é a dialéctica considerada por Platón como a ciencia superior, esto é, a ciencia das ciencias. No diálogo como tensión entre logos está presente a técnica do método maieútico empregado polo seu mestre Sócrates. Este apuntaba o lento e sacrificado proceso de parir a verdade, o logos, a definición do concepto. Polo tanto o logro da razón era un proceso de diálogo que presentaba duas fases (ironía destructiva dunha razón segura e predisposta de inicio, e a fase maieútica entendida como fase constructiva ou como parto do logos que permite a consecución da definición final). Polo tanto un paso do seguro que sei a un só sei que non sei nada para logo chegar a un creía que sabía pero non sei. Os distintos libros da República poden considerarse como diálogos conclusos no sentido que en todos eles se chega a una coincidencia ou acordo respecto dun logos final sobre a cuestión que se aborda (concepto de xustiza, virtude, etc.).
2º PARTE:
3. ANÁLISE DETIDO DA IDEA E TEMA FUNDAMENTAL EXPOSTO NO TEXTO (Puntuación: 1 punto).
O tema principal que se aborda no texto son as virtudes no individuo e a importancia das mesmas para conquerir unha cidade ou modelo de Estado ideal (perfecta). Lembremos que a xustiza ou orde moral no individuo consiste, á sua vez, na orde das partes da alma e das tres virtudes (orde individual e orde moral). Xustiza como equilibrio.
4. CONCEPTOS FUNDAMENTAIS DO PENSAMENTO DO AUTOR QUE APARECEN NON TEXTO. DEFINICIÓN E EXPLICACIÓN DE CADA UN (Puntuación: 1 punto).
5. XERARQUIZACIÓN DOS CONCEPTOS E ELABORACIÓN DE CADRO SINÓPTICO (Puntuación: 1 punto).
6. RELACIóN SIGNIFICATIVA ENTRE A IDEA FUNDAMENTAL DO TEXTO E OS DEMAIS CONCEPTOS QUE APARECEN NON TEXTO (definidos e explicados en 5) (Puntuación: 1 punto).
7. ANÁLISE DE ARGUMENTACIÓN DO AUTOR NO TEXTO (Inclue análise das influencias recibidas de pensadores precedentes) (Puntuación: 1 punto).
Este texto non presenta partes diferenciadas a non ser que caractericemos cada unha das intervencións de Sócrates coa definición de cada virtude por separado.
Sinalamos arriba que a idea fundamental do texto son as virtudes no individuo e a súa determinación para conquerir unha cidade ou Estado ideal. Polo tanto un equilibrio entre as tres virtudes só posible á súa vez por un equilibrio individual e ambos como definición da xustiza. A xustiza é pois a característica fundamental que debe definir o modelo fundamental de cidade e de estado (Cidade - Estado) para Platón. Pero procedamos por partes e seguindo a orde que sinalamos tal como aparece no desarrollo conceptual exposto no texto.
Sócrates trata de definir a xustiza no individuo, esto é, a xustiza como equilibrio na orde individual. Comenza definindo o que é a valentía, o home valente. Sinala que valente chámaselle ó individuo en referencia á segunda parte. Esta segunda parte refírese á segunda parte da alma, á alma irascible á que lle corresponde a valentía como virtude. Engade que esta alma irascible caracterízase pola preserverancia, por aguantar sin inclinación nin derrota praceres e penas, pola súa velentía, pero tamén, polo que aquí resulta de especial importancia, por escoitar, atender e obedecer á alma racional e ó que esta lle ordea. A alma irascible escoita e cumpre o que a alma racional lle prescribe como ó que hai que temer e aquelo ó que non (o que hai que facer e o que non). Esta análise de Sócrates trata de incidir na obedencia da segunda parte da alma ás ordes que se dan dende a sabiduría da alma racional. Esta obediencia é fundamental para que se produza un equilibrio no individuo. Así se a alma irascible se gobernase por si mesma ou ben si se deixase levar pola alma máis baixa ou concupiscible produciríase un importante desequilibrio no individuo e na orde moral o que imposibilitaría un modelo de cidade xusta e ordeada.
Na segunda intervención de Sócrates define a virtude que lle corresponde á aquel que debe ser considerado como sabio. A virtude do sabio é a prudencia. O sabio - filósofo - gobernante atende á función racional da súa alma que é á que lle corresponde a función de Mandar no individuo. Mandar no individuo significa prescribir, como dixemos antes, o que deben facer e cumprir as outras duas partes ou funcións da alma. calquer desobediencia supón inxustiza, desequilibrio. Só a alma racional, engade Sócrates é a que ten a sabiduría, a razón, do que debe facer cada unha das outras partes e o que debe ser a harmonía das tres. Esto significa que só a alma racional sabe o que debe facer o individuo para ser un cidadán xusto. Polo tanto, a prudencia é a virtude propia do sabio, prudencia significa moderación, e só é posible a moderación (equilibrio) cando os mandatos, as ordes (o que se manda) e o mandado estan de acordo coa razón. Posto que a razón é sabiduría, é coñecemento do que é correcto. A moderación e ese equilibrio necesario ou xustiza veranse rotos cando algunha outra función ou parte se rebela contra os mandatos da racional (Aquí pódese exemplificar esta disfunción ou desequilibrio mediante o mito do carro alado). Por iso, como lle contesta Glaucón, a odediencia, a moderación, a amizade e a concordia son, como xa reiteramos as que podrán posibilitar a xustiza ou equilibrio no Estado (orde política e social) como a orde no individuo.
Por último, resulta de especial importancia a última intervención de Sócrates ó sinalar que a xustiza (equilibrio, harmonía) é sen máis que cada parte da alma cumpra a función que lle corresponde:
- A alma racional: debe cumprir coa función de coñecer. Por iso só quen coñece lle pode ordear ós demáis o que deben facer (función de dirixir, e só pode dirixir quen coñece intelectivamente).Só se coñece intelectivamente si se manexa a dialéctica como ciencia superior. Esta alma desarrollará a virtude da prudencia, sabe, coñece o que é conforme á rectitude, polo tanto apártase da pura paixón ou do enfurecemento do carácter e sitúa sempre a razón por diante, como guía.
- A alma irascible: debe cumprir coa función de querer, da vontade (voluntad). A vontade que está presente na alma irascible é pois a encargada de sacrificarse, de obedecer, incansablemente, aguatando a dor, polo tanto a vontade da alma irascible é sempre o valor, a valentía como virtude, tal como sinala o texto. A virtude da valentía é a que move á alma a poder superar tódolos obstáculos e impedimentos. A virtude do guerreiro ten moito de renuncia, pero é nesta renuncia cando se pronuncia ese sentimento de saberse proveitosa, que cumpre coa súa función cando obedece ás ordes da alma racional, da sabia razón. Lembremos que respecto a xustiza e en este caso á inxustiza, Platón elimina todo desvio ou desequilibrio por culpa da alma racional (ver útimas lineas das virtudes nos apuntes). Só se produce desequilibrio ou inxustiza debido á función concupiscible (confusión do pracer coa felicidade) e debido á función irascible (incumprimento da virtude e emprego do valor como ambición).
- A alma concupiscible: debe cumprir coa función de desexar. Esta parte ou función da alma, como sabemos, é a máis baixa, e polo tanto aquela que simbiliza a apetencia sensorial, aquela que busca o pracer, tende só a obedecer as suas propias ordes e a buscar sempre satisfacer espontáneamente a apetencia dos sentidos (comer ben, beber ben, etc.). Debemos lembrar tamén que a apetencia é para Platón unha función irracional polo tanto oposta á función que lle corresponde á alma racional. Como dí Platón, os praceres non deben ser eliminados senón somentes ser sometidos ós dictados da razón, é dicir, ós dictados da alma racional (ás ordes do auriga).
Logo temos aquí unha alegoría relacionada con este plantexamento: o mito do carro alado. Lembremos que no carro alado a moderación, o seguimento das ordes dadas polo auriga non son cumpridas polo cabalo feo ou negro producíndose unha dificultosa conducción e a imposición dunha dirección equivocada dictada pola rebelión deste cabalo que só con moitas dificultades e traballo pode ser correxida polo cabalo obedente (alma irascible e virtude valente) e o auriga (alma racional e virtude da prudencia).
Por outro lado, a esixencia de cumprir cada parte coa súa propia tarefa está relacionado tamén coa orde social e política. Sinala Platón que unha sociedade e unha cidade xusta é aquela na que cada clase social cumpre coa función que lle esta encomendada. Os gobernantes correspóndelle a mesma función que á alma racional, a de dirixir e gobernar. Aquí temos que apuntar que o filósofo - gobernante é o que coñece a dialéctica, a máis alta educación, empregan a razón como capacidade intelectual do home, como función de coñecer, de saber. Por iso é a eles ós que lle corresponde ter as rendas do goberno. O filósofo é o que prescribe ós demáis o que deben facer na cidade que estará sempre en acordo coa función que lle é propia como clase (determinismo social na teoría de Platón). En conclusión, ó gobernante, como o máis sabio, correspóndelle guiar ás outras duas clases sociais, do mesmo xeito que á alma racional debe mandar e ordenar o que deben cumprir a irascible e a concupiscible. O filósofo debe manteñer a orde política, o bo funcionamento da cidade. Só así, gardando cada clase social as suas responsabilidades, as suas funcións se conquerirá unha cidade ou Estado xusto e polo tanto feliz.. Esta misión ven determinada pola súa aptitude natural. Aquí resulta tamén de especial consideración que Platón proxecte sobre o filósofo a función de educador sinalando que é o coñecemento o que promove a paixón educadora desarrollando ó mesmo tempo o principio de solidaridade (simil co mito da caverna). A finalidade do filósofo é promover unha cidade xusta que é o mesmo que decir unha cidade feliz. A finalidade da alma racional é a de promover a xustiza individual como orde ou equilibrio que é tanto como dicir un individuo feliz. E como resultado, debemos concluir que para Platón non pode haber cidade feliz, sen orden individual ou felicidade individual e sen orde moral ou felicidade moral.
Do mesmo xeito cabe suliñar para a función do guerreiro que é vixiar e defender polo tanto debe dominar nel a alma irascible e a valentía como virtude. Por último, os productores que son os que teñen a función de producir.
O mesmo se podría derivar hacia as formas de goberno: a aristocracia é a unica forma de goberno perfecta porque só ela se identifica coa clase de gobernantes - filósofos e as características que para os mesmos enumeramos arriba. En conclusión temos a concordancia entre orden individual, orden moral e orden político como os tres elementos que deben configurar a cidade- estado ideal para Platón. Cada parte debe cumprir coa súa función = orde = equilibrio = harmonía = felicidade.
O pensamento exposto por Platón neste texto que acabamos de analizar mostra unha fonda influencia de pensadores como Sócrates, os pitagóricos e os órficos
Sobre o concepto de alma e a harmonía da mesma, dos pitagóricos e dos órficos pero para o concepto de harmonía fundamentalmente de Pitágoras. Lembremos aquí que os órficos foron os primeros pensadores que introduciron con especial protagonismo a defensa da inmortalidade da alma e da necesidade da pureza da mesma (só alcanzable mediante a sabiduría) no pensamento grego). Ideas que lle permitirán desarrollar a Platón a teoría da reminiscencia ou anamnesis. Dos pitagóricos recollerá tamén esta proposta da inmortalidade da alma, e a necesidade do equilibrio ou harmonía (proxectado tamén ó musical) individual como harmonía ou equilibrio moral, social e político.
Aparece o concepto de razón como coñecemento superior, a sabiduría que recolle toda a influencia do pensamento socrático (Método socrático), emprego do diálogo e da dialéctica.A procura da definición como a verdade das cousas, do que as cousas son. A razón como resultado final da procura dialéctica.
3º PARTE:
8. PENSAMENTO PROPIO DO/A ALUMNO/A SEGUINDO A LIÑA ARGUMENTAL E CONCEPTUAL DO TEXTO (O/a alumno/a deberá argumentar dende ou seu posicionamento intelectual a favor ou en contra do pensamento (idea/s) expostas polo autor no texto, pero sempre dende a esixencia de rigor e dominio conceptual e expositivo) Puntuación: 1 punto).
Este texto, dende a miña análise, caracteriza os fundamentos da Virtude e o modelo de Estado proposto por Platón. Como logo criticará Popper, é un modelo de Estado pechado, unha sociedade pechada que non permite a libre determinación e autonomía do individuo ou cidadán. Unha excesiva procura na orde que configura un modelo ideal (como lembrará Aristóteles) e que, polo tanto, imposibilita en boa medida a autonomía moral na súa amplitude como cabría esperar e reivindicar para unha sociedade e institucións abertas a lexitimar polos seus integrantes. Tal modelo, dende a miña consideración, non permite a cidadanía libre e efectiva.
9. INFLUENCIA DO PENSAMENTO DO AUTOR NO PENSAMENTO POSTERIOR E NA HISTORIA DE FILOSOFÍA (Análise horizontal e vertical) (Puntuación: 1 punto).
Salientamos a diferencia respecto a Aristóteles. Así, éste rexeita de Aristóteles á teoría das ideas platónicas como entidades intelixibles e ideales. Ademais Aristóteles leva a cabo unha degradación da dialéctica como ciencia suprema platónica, reducíndoa a simple método. A teoría dos números platónico-pitagórica tampouco ten cabida no seu sistema. Se Platón menospreciaba o ámbeto sensible, Aristóteles o erixe como o primeiro que hai que coñecer ( as sustancias segundas, os entes particulares) e nese ámbeto indaga-lo orden das causas e da causa primeira. Non menos importante é a crítica de Aristóteles ó estado ideal platónico, por irrealizable.
Pese ás diverxencias, Aristóteles asume non poucas influencias do fundador da Academia onde estudiou. Así por exemplo, sofre a fonda influencia da teoría da alma ou antropoloxía platónica, coa aceptación da alma racional como superior respecto á animal e á vexetal. Mais rexeita a inmortalidade da alma e polo tanto a teoría da anamnesis e da reminiscencia. Asimesmo, na Ética recolle a valoración da razón e a prudencia como virtude, a relación e influencia da ética na política. E tamén a máxima da superación racional dende o principio da excelencia. Obsérvase neste senso unha maior conceptualización da teoría da virtude e a xustiza en Aristóteles. Comparten, amais disto, o especial interese pola caracterización dos fundamentos sociais e políticos, especialmente na tese aristotélica da relación entre Antropoloxía social e política: o home como animal social e político. No tocante á Política, e contra o estado ideal, Aristóteles propón un concepto amplo de cidadanía efectiva e real para o habitante da polis. Pero Platón deixa súa pegada na caracterización dos réximes políticos de Aristóteles (crítica da democracia). Sen embargo, Platón defende a Aristocracia como superior fronte á defensa da politeia ou república de ampla base social en Aristóteles. Na obra Política, Aristóteles defende unha confluencia entre república e democracia, intentando caracterizar unha república donde os dirixentes fosen elexidos por e para o maior número de cidadáns libres con dereito a voto.
Platón proxecta grandes Influencias no neoplatonismo, e este á sua vez no pensamento cristiano. En San Agostiño ( quen encarna a harmonización do pensamento de Platón co cristianismo) proxéctase a caracterización do mundo das ideas platónicas á mente diviña. As ideas serven como arquetipos, modelos dos que se serve Deus para crear o mundo. Tamén Santo Tomé, coa súa pretensión de facer compatible o pensamento cristiano e o aristotélico, presenta a pegada platónica ( dialéctica e participación do ben absoluto, máxima perfección, etc.) nas súas vías para a demostración da existencia de Deus: as vías para a demostración da esencia e a identificación en Deus da esencia e a existencia.
O influxo platónico abrangue tamén ó pensamento renacentista, fundamentalmente na Academia de Florencia, con Marsilio Ficino. Destacando tamén neste período a influencia (política e referencia á existencia da Atlantida) na obra Utopía de Tomás Moro (1478-1535).
Xa na filosofía moderna, Platón está moi presente. Fundamentalmente no pensamento racionalista de Descartes e Leibniz. En Descartes respecto á importancia da razón e a fundamentación do coñecemento en principios indubitables que debe proporcionar a intuición e, polo tanto, desconfianza nos sentidos. En Leibniz na teoría da Monadología, características destos principios metafísicos, a conformación das mesmas, e a teoría preestablecida que as conforma e ordena. No criticismo de Kant, respecto ó imperativo categórico e na fundamentación do deber moral. E na teoría política respecto ó ideal de progreso.
A influencia do platonismo foi constante ó longo da historia da filosofía e de novo faise patente nas filosofías do S. XIX. Sirva como ex. N. Hartmann, nado a finais do século XIX. Platón ten tamén influencia en Alfred Whitehead, que con Bertrand Russell escribe os Principia Mathematica (teoría dos tipos e as definicións, etc.). Constatamos a influencia e crítica de Platón en autores como Marx, Nietzsche, Husserl, Heidegger e Popper, e nas correntes estructuralistas. Esta influencia convértese en aberta crítica cara o seu pensamento en distintos ámbitos (crítica á diferencia ontolóxica e a fundamentación da verdadeira realidade no intelixible, desprecio do sensible, crítica ó logicismo e formalismo moral, a teoría da verdade, crítica a súa teoría da virtude e os valores, crítica á súa teoría política e do Estado como sociedade e universo pechado sin capacidade de transformación ou redifinición, etc.).
servido por crislerio
sin comentarios
compártelo